lunes, 4 de abril de 2011


Datos Xerais

 A Broa Sendeirismo nace no concello de A Merca, situado na provincia de Ourense. Linda ao Norte co concello de Allariz, ao sur co concello da Bola e polo oeste cos concellos de Celanova e Cartelle. Divídese nas seguintes parroquias: A Manchica (Nosa Señora de Lourdes), A Merca (Santa María), A Mezquita (San Pedro), Corvillón (Santa María), Entrambosríos (Santa Mariña), Faramontaos (San Xes), Olás de Vilariño (Santa María), Parderrubias (Santa Olaia), Pereira de Montes (Santa María), Proente (Santo André), San Vitoiro da Mezquita (San Vitoiro), Zarracós (Santo André)



CLIMA E HIDROGRAFÍA: Aséntase nunha zona de transición climática entre os dominios do oceánico mediterráneo e do oceánico continental. Os valores térmicos medios anuais oscilan arredor dos 12º para a zona sur e de 15º para a zona norte. As precipitacións acadan na metade Sur, entre 1.000 e 1.500 mm. anuais, con 120 días de choiva ao ano mentres que ao Norte, do cordón montañoso intermedio, e cara ó miño, a cantidade total non excede os 1000 mm. o ano.
A rede hidrográfica configúrase arredor dos ríos BarbañaArnoia. O Barbaña nace no alto de A Manchica e chega ao miño en Ourense. O Arnoia, aínda que é afluente do Miño, constitúe unha subconca propia, nace na serra de San Mamede e pasando polo concellos de Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz, A MercaCelanova, Ramirás, GomesendeCartelle, para chegar despois de 84.5 Km ao concello de Arnoia, onde desemboca no río Miño.

RELEVO: A maior parte do territorio atópase nunha altitude comprendida entre os 400 e 500 m. Por riba dos 500 m. discorre o cordón intermedio, que divide en dúas partes case iguais o termo, en realidade unha débil e longa prolongación do Outeiro de Boa Madre (Bobadela) e dos Montes de Augas Santas e Couso, amosando unha dirección que separa as cuncas do Miño e do Arnoia. A Cota máxima localízase nos límites co concello de Allariz, nos Montes do Barracel (856 m.). 

XEOLOXÍA: Dende o punto de vista xeolóxico, o Precámbrico e o Paleozoico indiferenciado abarcan case a metade do termo. As rochas cristalinas ácidas (granito) constitúen o factor determinante da formación e orixe dos solos, pouco fondos e impermeables case na súa totalidade. Atopamos depósitos sedimentarios que deron lugar a solos máis pesados, máis porosos e feraces no val do arnoia. Polo xeral, trátase de solos pouco pendentes sobre os que actuou con diversos efectos a vexetación mellorante (castiñeiro, abedul, toxo) e degradante (piñeiro). No centro do concello atópanse unha serie de chairas e alturas arxilosas producidas pola descomposición do gneis "in situ".

VEXETACIÓN: A superficie forestal de A Merca supera as 3165 Ha. As especies predominantes son o piñeiro, o carballo, o castiñeiro o bidueiro, os amieiros e o freixo. O sotobosque (1500 Ha.) o ocupa principalmente a xesta, uceiras, toxos, carpazas, silvas, xuncos, etc.


(Información recollida en "A Merca, Antropoloxía dun concello galego".
Miguel Anxo Araujo Iglesias)

No hay comentarios: