“Cando os penedos daban pan”, é o nome elixido para a
presentación dunha pequena exposición coa que queremos amosar os cambios
acontecidos na ocupación do solo da nosa zona.
O entorno que nos rodea non sempre
tivo o aspecto actual, e grazas á visión aérea, identificaremos cambios moi
evidentes, froito principalmente das costumes, hábitos, actividades ou
fenómenos sociais moi diferenciados.
Isto non pretende ser un estudio
socioeconómico, nin moito menos analizar as causas que motivaron estes
profundos cambios no uso e ocupación do solo, simplemente perseguimos plasmar de
maneira gráfica este fenómeno, e axudándonos coa información de fotos aéreas
poder comparar os cambios que sufriu o territorio.
Como esta claro que non podemos
trasladarnos a aqueles anos, aproveitaremos novas tecnoloxías e a información
xeográfica dispoñible, para poder ver e analizar a transformación do territorio,
dende os anos 50 ata os nosos días.
Para algúns será sorprendente ver
como era o seu pobo nos anos 50, e que as mimosas ou piñeiros que agora ven,
non estaban alí, para os máis vellos, supoño que lles traerá moitas lembranzas,
recoñecendo lugares, camiños ou leiras. Atoparemos zonas agrícolas transformadas
en zonas forestais, aparición de especies invasoras, novas infraestructuras,
unha vasta rede de camiños para comunicar os pobos e as leiras que desaparecen, etc..
A exposición consistirá en amosar en
2 paneis o antes e o momento actual. Para facelo a unha escala na que se poida
apreciar os cambios, estrutúrase a exposición en 4 fases. En cada período de
tempo amosaremos unha zona, que en principio se corresponderán co ámbito das 4
parroquias ao sur do río arnoia, no concello de A Merca, a coñecida “zona da
Broa”.
Empezaremos pola parroquia de
Entrambosríos, para continuar despois coas parroquias de Olás, Zarracós e
Corvillón.
Para a detección dos cambios,
empregamos a información facilitada polas ortofotografías do Voo americano do
ano 1956 -1957, e polas ortofotografías aéreas do ano 2011.
Así mesmo tamén poderemos ollar e comprobar a toponimia oficial do proxecto “Toponimia de Galicia”.
Máis información.....